
Os tres grupos municipais de Mazaricos —BNG, PP e Espazo Común— acordaron por unanimidade presentar unha moción conxunta para reclamar a mellora e o mantemento da rede eléctrica, así como da conexión a internet e da sinal de televisión no municipio.
Na proposta recóllese a petición ás compañías subministradoras para que realicen o mantemento axeitado das infraestruturas e renoven as instalacións obsoletas. Tamén se esixirá unha redución nas facturas correspondentes aos períodos nos que non houbese servizo, e reclamarase á Xunta de Galicia que vixíe o cumprimento das obrigas das operadoras.
Ademais, solicitarán á Deputación da Coruña que destine partidas específicas para concellos con menos de 10.000 habitantes, co fin de mellorar as comunicacións e servizos básicos. O acordo será trasladado ás empresas implicadas, á Xunta e á Fegamp.