
O recinto da Feira Internacional de Silleda acollerá as probas, que contarán cun operativo de seguridade formado por unhas 275 persoas e novas medidas para detectar dispositivos electrónicos non permitidos
Santiago de Compostela, 18 de setembro de 2026.– Un total de 16.278 persoas están convocadas esta fin de semana no recinto da Feira Internacional de Silleda para participar nas probas selectivas destinadas a cubrir 256 prazas de emprego público na Administración autonómica.
Os exames comezarán este sábado, ás 9.00 horas, coa convocatoria para cubrir 59 prazas do corpo superior (A1), na que están inscritas 1.323 persoas. Pola tarde, a partir das 15.30 horas, será a quenda do corpo de xestión (A2), con 1.851 aspirantes para 40 prazas.
O domingo, ás 9.00 horas, realizarase a proba correspondente ao corpo administrativo (C1), que conta con 74 prazas e 6.745 persoas convocadas. Xa pola tarde, a partir das 15.30 horas, celebraranse os exames para o corpo auxiliar (C2), con 83 prazas e 6.359 aspirantes.
Un operativo de 275 persoas
Para garantir o correcto desenvolvemento das probas, a Administración autonómica despregará un operativo formado por aproximadamente 275 persoas, encargado de controlar o acceso, a organización e a seguridade durante as distintas quendas.
O recinto feiral contará tamén cunha ambulancia habilitada pola Xunta para atender posibles incidencias durante a celebración dos exames.
Con estas probas rematará a realización do primeiro exercicio de todos os procesos selectivos convocados en 2025. Ese ano convocáronse un total de 30 procesos selectivos, cunha oferta global de 1.267 prazas.
Novos controis para detectar dispositivos electrónicos
Unha das principais novidades desta convocatoria será a posta en marcha das novas medidas de vixilancia e control impulsadas pola Consellería de Facenda e Administración Pública para evitar o uso de dispositivos electrónicos durante os exames.
Os controis permitirán detectar, mediante equipos pasivos de detección de radiofrecuencia, campos electromagnéticos, materiais ferromagnéticos e outras tecnoloxías de detección non intrusiva, a posible presenza de dispositivos non autorizados.
As comprobacións realizaranse periodicamente durante os exames e tamén nas saídas dos aseos interiores. Segundo a Administración, estas actuacións desenvolveranse respectando a dignidade, a intimidade e os demais dereitos das persoas aspirantes, así como os principios de necesidade, idoneidade e proporcionalidade.
A negativa reiterada a someterse ás comprobacións ou a detección e utilización de dispositivos prohibidos poderá implicar a aplicación das medidas previstas nas instrucións, entre elas a expulsión da proba e a anulación do exercicio.
Móbiles, reloxos e lentes intelixentes, prohibidos
As instrucións establecen que non estará permitida a entrada nin a permanencia nas zonas de exame con teléfonos móbiles, reloxos de calquera tipo, lentes con cámara, cámaras, auriculares, microauriculares, lentes intelixentes, ordenadores portátiles, dispositivos de xeolocalización ou sistemas de transmisión e recepción de datos, entre outros aparellos similares.
Tamén quedan prohibidos os dispositivos dixitais ou de intelixencia artificial que poidan servir como apoio ou consulta durante a realización dos exercicios.
A única excepción será para aquelas persoas que, por razóns clínicas, teñan autorizada previamente unha adaptación de medios ou o uso dun dispositivo electrónico, sempre que exista a correspondente xustificación.
A Xunta recomenda aos aspirantes acudir aos exames unicamente cos obxectos estritamente necesarios, concretamente un lapis do número 2 e unha goma de borrar, xa que non se habilitará ningún servizo de custodia ou depósito para os dispositivos ou materiais non permitidos.
Ademais, a mera posesión dun dispositivo prohibido dentro do espazo destinado á realización da proba, aínda que estea apagado e non se estea utilizando, será motivo de expulsión, coas consecuencias establecidas nas instrucións xerais.
Toda a información sobre as convocatorias, horarios, normas e medidas de seguridade pode consultarse no portal corporativo da Xunta de Galicia.
