A antiga escola náutica de Camariñas pode convertirse nun edificio de uso social

O Concello de Camariñas anunciou que solicitará de maneira formal á Tesourería Xeral da Seguridade Social (TGSS) a adscrición do inmoble da antiga Escola Náutico Pesqueira, situado xunto ao centro de saúde.

Esta decisión chega tras a comunicación enviada recentemente pola TGSS, na que se aclara a situación administrativa do edificio e se abre a posibilidade de que o Concello asuma a súa adscrición, do mesmo xeito que sucede con outros inmobles públicos do municipio, como a Casa do Mar de Camelle.

Segundo sinala o goberno local, o obxectivo desta petición é preservar o uso social que actualmente ten o espazo, asegurando que a asociación de persoas xubiladas poida continuar desenvolvendo nel as súas actividades, tal e como vén facendo nos últimos anos.

Na actualidade, o edificio tamén serve de sede formativa para a confraría de pescadores.

“A nosa prioridade é garantir a continuidade dos espazos de uso social para a veciñanza. Este inmoble é un punto de encontro esencial para as persoas maiores, e realizaremos todos os trámites necesarios para que siga cumprindo esta función”, afirmou a alcaldesa, Sandra Insua.