
A representación da CMAT estivo composta polo seu presidente e alcalde da Laracha, José Manuel López Varela, por Sandra Vilela Riveiro —tesoureira da entidade e tenente de alcalde de Muxía— e polo alcalde de Fisterra, Luis M. Ínsua Lago, que acompañaron ás autoridades portuguesas e aos socios do proxecto nun encontro simbólico celebrado xunto ao Faro de Montedor, en Carreço (Viana do Castelo).
Este acto supón unha continuación natural do celebrado o pasado 19 de setembro na Costa da Morte, durante o Interreg Cooperation Day, no que se inauguraron as primeiras mesas interpretativas en Cabo Touriñán, Monte Pindo e cabo Fisterra. Ademais, no marco do proxecto tamén está prevista a instalación dunha mesa interpretativa en Muxía, reforzando así os puntos crave desde os que se contempla a última posta de sol da Europa continental ao longo do ano.
Para a CMAT, ser entidade asociada do proxecto Atlantic Sunset representa unha “oportunidade estratéxica para fortalecer a cooperación co norte de Portugal e reforzar a identidade atlántica compartida”, tal e como destacou o seu presidente durante a intervención. Así mesmo, subliñou que este proxecto permite avanzar na creación de produtos turísticos sostibles baseados no patrimonio natural, cultural e científico, en colaboración con universidades e centros de investigación de ambos os lados da fronteira.
O proxecto Atlantic Sunset está coordinado pola Fundación Centro de Estudos Eurorrexionais (FCEER) e conta co apoio do Programa Interreg Atlantic Area e da Universidade do Porto.
O seu obxectivo é crear unha rede atlántica que poña en valor as postas de sol como recurso patrimonial, turístico e identitario común. Coa nova mesa interpretativa de Montedor, Galicia e Portugal dan un paso máis para consolidar unha narrativa compartida que demostra que “a luz do Atlántico non separa territorios, senón que os une”.
👉 Más información sobre o proxecto:
https://atlanticsunset.eu/
