O acceso o parque empresarial da Laracha xa esta operativo


O parque empresarial da Laracha conta xa cun pavimento totalmente renovado no seu acceso principal, que conecta a área industrial coa estrada AC-552 e coa autoestrada AG-55. Os traballos remataron coa aplicación da nova sinalización horizontal, completando así un investimento de 145.000 euros cofinanciado polo Concello e pola Consellería de Economía e Industria dentro do programa de axudas dirixido á rehabilitación e mellora das infraestruturas nos parques empresariais.

A actuación abarcou arredor de 800 metros lineais de estrada, distribuídos en catro zonas diferenciadas: o tramo situado entre as rotondas da AC-552 e a do acceso principal ao polígono; o sector fronte ao viveiro de empresas; e, por último, a rotonda adxacente e o treito en dirección a Leiende, diante da siderurxia. As obras consistiron no fresado do firme deteriorado e na súa posterior reposición con aglomerado asfáltico en quente, unha mellora necesaria debido ao intenso tránsito de vehículos de gran tonelaxe e maquinaria pesada cara á zona industrial. Ademais, optimizouse a rede de recollida de pluviais e reforzouse a sinalización, aumentando así a seguridade viaria.

Coa finalización destes traballos, o acceso ao parque empresarial da Laracha ofrece agora condicións máis cómodas e seguras para o tránsito rodado, mellorando tanto a circulación de vehículos industriais como a accesibilidade xeral á área empresarial.