
Nuria Vidal Prado, coñecida artisticamente como Nuria Vil, autora e activista polos dereitos LGBTQIA+, acaba de proclamarse gañadora da XX edición do Certame de Poesía Erótica Illas Sisargas coa obra Desobediencia.
O xurado —formado por Paco de Tano, María Lado e o gañador de 2024, Francisco Fernández Davila— destacou da autora «a súa visión novidosa do erotismo» e unha proposta poética baseada en imaxes fluidas que «evitan conceptos manidos». Tamén cualificaron o poemario como «moderno, actual e irreverente» e subliñaron que, a pesar do seu carácter contemporáneo, «mantén un forte lirismo, mesmo cando introduce referencias como a AP-9 ou contidos de índole social». A aposta polo seseo, a gheada e o ritmo poético foron outros dos aspectos que o xurado valorou especialmente.
Visiblemente emocionada en Malpica, Nuria afirmou que levaba anos coa intención de «escribir e performar para nutrir o imaxinario do desexo máis aló da compracencia á ollada cisheteromasculina que condiciona boa parte dos estímulos que recibimos».
Desde a entidade organizadora, Caldeirón, Paco de Tano agradeceu a elevada participación e informou de que nesta edición se recibiron 19 obras. Pola súa banda, a concelleira Noelia Freijeiro puxo en valor a traxectoria do certame, que xa suma dúas décadas de vida, e lembrou que a poesía «é un lugar onde todos podemos arder un pouco sen queimarnos».