
Os autónomos convocan unha manifestación en Santiago para reclamar condicións laborais dignas
O movemento social de traballadores autónomos convocou para o vindeiro 30 de novembro, ás 11:00 horas, unha manifestación na Alameda de Santiago de Compostela baixo o lema “¡Por unhas condicións de traballo dignas!”. A mobilización, que se declara allea a partidos políticos ou ideoloxías, busca servir de punto de unión para todo o sector.
Os convocantes artellan un decálogo de once reivindicacións co obxectivo de impulsar unha reforma profunda do Régimen Especial de Trabajadores Autónomos (RETA), que cualifican de “inhumano” e insostible no seu formato actual.
Entre as peticións principais destacan dúas medidas de forte impacto económico e fiscal. Por unha banda, reclaman o fin da cota fixa, substituíndoa por cotizacións variables en función dos ingresos reais mensuais. Por outra, esixen a suspensión automática da cotización durante baixas médicas ou períodos de vacacións xustificadas, lembrando que “a saúde e o descanso non son un luxo, senón un dereito”.
Outro dos puntos clave é a reclamación da exención do IVA ata os 85.000 euros de facturación anual, coa aplicación inmediata da Directiva (UE) 2020/285, que permite aos Estados membros liberar do imposto aos pequenos autónomos. Critican que o Goberno español non estea a facer uso desta posibilidade.
O colectivo pon tamén o foco na necesidade de equiparar os dereitos sociais e a protección legal dos autónomos aos dos traballadores do Réxime Xeral. Demandan as mesmas coberturas por enfermidade, as mesmas condicións de xubilación e iguais permisos de maternidade e paternidade.
Ademais, piden mecanismos eficaces para o cobro de débedas, incluíndo a posibilidade de realizar embargos en contas ou nóminas, tal e como fai a Axencia Tributaria. Reclaman tamén unha separación real entre o patrimonio empresarial e o persoal, de forma que un erro administrativo ou contable non poña en risco o fogar familiar.
A plataforma convocante agarda unha participación masiva e confía en que a protesta marque un punto de inflexión na defensa dos dereitos dun colectivo que, segundo denuncian, leva anos soportando unha carga económica e burocrática “insostible”.