
En Santa Comba non hai orzamento novo, pero o que si hai é unha precisión suíza para os pagos… internos. Mentres os provedores acumulan case cen días agardando a cobrar, o alcalde Alberto Romar e o seu equipo continúan recibindo puntualmente os seus salarios, demostrando que, aínda que a xestión municipal cojee, o calendario das nóminas segue gozando dunha saúde envexable.
O préstamo dun millón de euros ligado ao rescate de Facenda segue pesando sobre as arcas municipais, pero, curiosamente, ese lastre non afecta ás remuneracións do goberno local. Impostos á alza, servizos en dúbida, orzamento desaparecido en combate… pero o soldo, ese si que non falla. Milagre administrativo ou talento contable? A veciñanza ten a súa teoría.
Entre mentres, o executivo municipal afirma non atopar “outra saída” que subir impostos, deixando incluso caer a posibilidade de novas subas. Baixar retribucións propias? Iso xa sería ciencia ficción. Así, Santa Comba continúa co mesmo orzamento prorrogado, pero cun sistema retributivo que funciona mellor ca un caixeiro automático en fin de mes.
Con humor, resignación e bastante retranca, moitos veciños pregúntanse se non sería máis doado aprobar un orzamento novo que seguir explicando por que todo é un problema… excepto cobrar.
Xa van dous anos desta foto histórica e, dende entón, a política municipal especializouse nun novo deporte olímpico: posar diante de obras alleas. Moita Deputación, moito sorriso e moita foto… pero polo concello, traballiño xusto.
Iso si, vender fume fano con matrícula de honra.