A Xunta licita por 865.000 € as obras da nova senda peonil e ciclista na estrada AC-552, entre Arteixo e Lañas

A Xunta licita por 865.000€ as obras da nova senda peonil e ciclista na estrada AC-552, entre Arteixo e Lañas. A conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, María M. Allegue, xunto coa delegada territorial da Xunta na Coruña, Belén do Campo, detallou hoxe esta intervención que favorecerá a seguridade viaria nesta contorna.

A Plataforma de Contratos Públicos de Galicia recolle hoxe esta intervención á que as empresas poden presentar as súas ofertas ata o vindeiro 21 de xaneiro.

As obras, cun prazo de execución de 6 meses, teñen como obxectivo a construción dunha senda peonil e ciclista ao longo da citada vía autonómica e cunha lonxitude de algo máis de 1 quilómetro.

O itinerario previsto conectará coas beirarrúas e favorecerá a existencia dun corredor peonil-ciclista metropolitano na contorna de Arteixo.

Esta actuación completarase cunha franxa de xardín para separar a senda do tráfico, coa  mellora dunha parada de autobús e a dotación de novo alumeado público.

Allegue explicou que esta actuación forma parte do Plan de Sendas de Galicia, co que a Xunta xa executou 300 quilómetros de itinerarios nas marxes das estradas autonómicas e prevé sumar 120 quilómetros máis nesta segunda fase.

Esta obra da Xunta súmase a outras anteriores nesta estrada AC-552, como os treitos de senda entre Pastoriza e Vilarodís, reforzos de firme, ampliación da calzada, ou mellora da seguridade en paradas de autobús.

O Goberno galego prevé nos Orzamentos de 2026 partidas que suman 263M€ para seguir transformando as infraestruturas galegas, dos que 114,2M€ van destinados ás desta provincia da Coruña.