
O primeiro dos sinistros produciuse no quilómetro 69, á altura de As Maroñas, cando un turismo se saíu da vía e deu varias voltas de campá. A pesar da aparatosidade do accidente, o condutor conseguiu saír do vehículo polo seu propio pé, sen precisar asistencia sanitaria.
Pouco despois, arredor das 12.20 horas e apenas un quilómetro máis adiante, produciuse unha triple colisión. Neste segundo accidente unha persoa quedou atrapada nun dos vehículos, sendo necesaria a intervención dos bombeiros para a súa liberación. Segundo informou o 112 Galicia, ata o lugar desprazáronse efectivos de Urxencias Sanitarias de Galicia-061, bombeiros de Santa Comba, Garda Civil de Tráfico e a Agrupación de Voluntarios de Protección Civil de Mazaricos. A persoa ferida, a única neste sinistro, foi evacuada polos servizos sanitarios.
Por outra banda, durante a madrugada deste domingo rexistrouse unha nova saída de vía en Carballo, pouco antes de As Airas, en dirección á Coruña. O vehículo saíuse da estrada e derrubou un poste, provocando importantes danos materiais, aínda que non houbo feridos. A primeiras horas da mañá, o turismo aínda permanecía no lugar do accidente.