O BNG demanda melloras nas instalacións do porto de Muxía e unha solución ante a falta de alumeado público

Os nacionalistas sinalan que presentaron unha emenda aos orzamentos da Xunta, que foi rexeitada polo PP no Parlamento galego, para realizar actuacións na zona portuaria  

Muxía, 9 de xaneiro de 2025. O BNG vén de demandar que se realicen unha serie de melloras no porto de Muxía, ademais dunha solución á falta de alumeado público na zona da lonxa. 

A formación nacionalista advertiu que “xa hai máis dun ano que denunciamos que as instalacións portuarias están en mal estado, cos aseos públicos vandalizados e pechados, coa zona do parking con pedazos de beirarrúas rotas e as liñas de parqueo sen pintar, e por riba non hai luz”. 

Trátase dunha situación, segundo os nacionalistas, que levan tempo padecendo os traballadores e traballadoras do mar, “que están a pagar recibos de luz a Portos de Galicia por un servizo que non reciben polo menos desde hai tres meses”.

Desde o BNG lembraron que a finais de 2025 presentaron unha emenda aos orzamentos da Xunta, que foi rexeitada polo PP no Parlamento galego, para realizar actuacións na zona portuaria. Indicaron que a Xunta proxectou para o porto o chamado “Departamento para exportadores”, cuantificado en 600.000 euros, “pero nos orzamentos para 2026 só aparecen 10.000 euros, que non chega nin para redactar o proxecto”.

A formación nacionalista sinalou que a xente do mar “está moi enfadada, e con razón”, e considera que o ente portuario “debe ter en conta a problemática e actuar canto antes”.