UCIN Galicia esixe a dimisión inmediata do alcalde de Ames e do concelleiro de Obras tras recoñecer a súa deixadez na execución das obras do Milladoiro

UCIN Galicia, a través do seu coordinador José Luis Calo, considera gravísimo e
politicamente insostible que o propio alcalde de Ames, Blas García, recoñeza
publicamente a existencia de “numerosas deficiencias” na execución das obras de
humanización do Milladoiro, admitindo ademais a falta de supervisión municipal
durante o desenvolvemento dun proxecto de enorme impacto económico e social para a
veciñanza.


As declaracións do rexedor, nas que afirma non estar satisfeito coa execución das obras
e anuncia agora a elaboración dun informe técnico con deficiencias “visibles a simple
vista”, evidencian unha clara deixadez de funcións, impropia dun goberno municipal
responsable. Marquesiñas mal executadas, beirarrúas deseñadas para esquivar tapas da
rede ou unha mediana central mal resolta non son erros menores, senón o resultado
dunha xestión neglixente e dunha ausencia total de control político e técnico.


Desde UCIN Galicia preguntámonos como é posible que o Concello de Ames chegase a
esta situación sen actuar a tempo, permitindo que os problemas se acumulen ata seren
recoñecidos publicamente pola presión da oposición e do malestar cidadán. Non vale
agora trasladar a responsabilidade ao Ministerio nin á empresa adxudicataria,
cando a obriga de vixiar, supervisar e esixir o cumprimento do contrato é
exclusivamente do goberno municipal.


Por todo iso, UCIN Galicia esixe a dimisión inmediata do alcalde de Ames, Blas
García, e do concelleiro de Obras, por incapacidade manifesta para exercer as súas
funcións e por poñer en risco cartos públicos e a calidade das infraestruturas do
Milladoiro. A política require asumir responsabilidades, e neste caso as explicacións
chegan tarde e son claramente insuficientes.


A veciñanza de Ames merece un goberno rigoroso, transparente e esixente coa
execución das obras públicas, non un executivo que recoñece erros evidentes cando xa
non pode ocultalos.