
O Concello de Carballo sacou a licitación o proxecto de mellora integral do campo de fútbol de As Pedreiras, na parroquia de Verdillo, cun orzamento base de 61.412,72 euros. A actuación pretende poñer fin ao acusado deterioro que presentan estas instalacións deportivas municipais, especialmente na zona de vestiarios, unha situación que xerou reiteradas queixas por parte das persoas usuarias.
Segundo a memoria técnica, as principais deficiencias derivan da presenza de humidades persistentes e mofo, provocadas polo mal estado das cubertas, así como do avellentamento do sistema de iluminación e doutras eivas estruturais e funcionais.
As obras inclúen a execución dunha nova soleira de formigón no espazo cuberto existente entre as bancadas e a billeteira, co obxectivo de mellorar a accesibilidade e ampliar as posibilidades de uso da instalación. Tamén se mellorarán os accesos ás bancadas mediante a creación de novas escaleiras, a instalación de varandas e a colocación de peches de protección.
Ademais, actuarase sobre a estrutura metálica da cuberta, moi afectada pola corrosión, procedendo á súa limpeza e pintado, ao igual que os paramentos e soleiras. Na zona de vestiarios e espazos anexos limparanse as fachadas e paredes interiores e aplicarase pintura específica antimofo. As actuais cubertas de fibrocemento e chapa substituiranse por panel sándwich con illamento térmico, eliminando así as filtracións de auga.
O proxecto contempla tamén o retranqueo das valas do terreo de xogo, a instalación de novos bancos nos vestiarios, redes parabalóns e outros elementos destinados a mellorar a funcionalidade do recinto deportivo.
Un dos apartados máis salientables é a renovación completa do sistema de iluminación, coa substitución dos antigos focos de tungsteno por 14 proxectores LED de baixo consumo, o que permitirá un importante aforro enerxético e unha redución das emisións de dióxido de carbono. Tamén se renovará parte da instalación eléctrica, substituirase un poste de iluminación en mal estado, adecuaranse as porterías e adaptarase o aseo feminino á normativa vixente de accesibilidade.
O proxecto foi aprobado inicialmente en decembro de 2024, aínda que tivo que ser modificado posteriormente para atender os requirimentos de Augas de Galicia, ao afectar parte das actuacións ao dominio público hidráulico do río Bardoso. O modificado recibiu a autorización definitiva en xuño de 2025. O prazo para a presentación de ofertas remata a finais deste mes.