
O presidente de Vox na provincia da Coruña, Manuel Fuentes Lamas, reiterou a “oposición total” do seu partido ao acordo comercial entre a Unión Europea e Mercosur, ao considerar que supón unha ameaza para o sector primario galego e para a saúde pública.
Fuentes Lamas asegurou que Vox defende “con firmeza e sen titubeos” aos agricultores, gandeiros e pescadores, e criticou duramente ao PSOE e ao PP, aos que acusou de representar unha “estafa do bipartidismo”. Segundo o dirixente provincial, ambas formacións prometen unha cousa en campaña electoral e “votan conxuntamente en Europa”, sen ter en conta —afirmou— as consecuencias económicas e sanitarias para Galicia.
O responsable de Vox sinalou que o rexeitamento ao acordo responde ao “malestar social existente”, xa que, ao seu xuízo, “non só está en xogo o futuro da nosa soberanía alimentaria, senón tamén o de milleiros de familias que viven da agricultura, da gandaría e da pesca en Galicia”.
Desde a formación tamén alertan dun posible impacto na saúde pública. Fuentes Lamas afirmou que “máis do 80 % dos pesticidas prohibidos en Europa se utilizan de maneira indiscriminada nos países de Mercosur”, o que, segundo indicou, supón unha competencia desleal e riscos para os consumidores europeos.
Na súa intervención, Fuentes Lamas tamén dirixiu críticas ao Partido Popular, ao que acusou de traballar “para que Vox non exista en Galicia”, mentres —segundo dixo— a súa formación defende os intereses do sector primario.
Por último, lembrou que o grupo parlamentario Patriots por Europa, ao que pertence Vox no Parlamento Europeo, presentará unha moción de censura contra a Comisión Europea pola actuación da súa presidenta, Ursula von der Leyen, á que acusan de ter actuado de maneira unilateral na sinatura do acordo comercial con Mercosur.