Un estudo identifica máis de mil igrexas románicas co axedrezado como posibles “sinais” do Camiño de Santiago medieval

A investigación xeorreferenciada suxire que o Axedrezado Jaqués foi moito máis ca un simple adorno: podería ter funcionado como un sistema visual de orientación para os peregrinos.

Un novo estudo sobre o románico europeo propón unha reinterpretación dun dos seus motivos decorativos máis emblemáticos. O chamado Axedrezado Jaqués, tradicionalmente considerado un recurso ornamental, puido desempeñar unha función territorial e práctica como marcador visual dos Camiños de Santiago medievais.

A investigación, baseada na análise do proxecto Románico Dixital da Fundación Santa María la Real e no uso de sistemas de información xeográfica (SIG), permitiu identificar 1.054 igrexas románicas con presenza deste motivo en España, Portugal, Francia e Italia. A superposición cartográfica destes templos cos itinerarios oficiais, históricos e en fase de investigación do Camiño de Santiago revela un patrón espacial coherente e reiterado.

Segundo o estudo, o axedrezado aparece de maneira sistemática en igrexas situadas ao longo das principais rutas xacobeas e tamén en numerosos camiños secundarios hoxe esquecidos. En Galicia, por exemplo, documentouse a súa presenza en templos do Camiño Francés, Primitivo, Portugués, Vía da Prata, Camiño de Inverno, Vía Céltica, así como noutras rutas históricas de menor entidade.

Os resultados reforzan a hipótese de que, nun mundo sen sinalización nin cartografía moderna, as igrexas decoradas con axedrezado puideron actuar como puntos de referencia visual, facilmente recoñecibles polos peregrinos ao longo da viaxe. A súa repetición ao longo dos camiños tería creado un código simbólico compartido, asociado á seguridade, á acollida e á continuidade do itinerario.

O estudo lembra tamén que o Camiño de Santiago foi durante séculos un itinerario bidireccional, no que os peregrinos non só avanzaban cara a Compostela, senón que regresaban aos seus lugares de orixe adaptando o percorrido ao estado dos ríos, pontes ou portos de montaña. Nese contexto, o axedrezado podería funcionar como un verdadeiro “faro arquitectónico”, sinalando lugares seguros de paso e hospitalidade.

A investigación pon de manifesto, ademais, como a modernidade —infraestruturas industriais, estradas, ferrocarrís ou concentracións parcelarias— fragmentou e ocultou moitos destes trazados históricos, dificultando hoxe a lectura dun sistema territorial que foi coherente durante a Idade Media.

As conclusións abren novas liñas de traballo para historiadores, arqueólogos e asociacións xacobeas. Os autores propoñen que a presenza do axedrezado sexa considerada un indicador patrimonial clave na identificación e recuperación de rutas históricas de peregrinación, definíndoo como un sistema transnacional de sinalización cristiá medieval, compartido a escala europea.

O estudo demostra, en definitiva, o potencial das ferramentas dixitais para reinterpretar o patrimonio artístico e relixioso desde unha perspectiva territorial, e achega novos argumentos para comprender o Camiño de Santiago como unha rede segura, organizada e recoñecible moito antes da sinalización moderna.

Este estudio foi feito po lo Comité de Expertos da Vía Céltica para reforzar a historicidade deste Camiño Xacobeo.