
A Garda Rural de Corme intensificou a súa loita contra o furtivismo con especial atención ao percebe, despois dun novo incidente rexistrado o pasado sábado na zona da Percebellosa. Nesa actuación foron comisados preto de 24 quilos de percebe extraído de forma ilegal.
Segundo a información recollida, un vixilante rural sorprendeu dúas persoas mentres extraían percebe nunha área pertencente á concesión da confraría de Corme. O axente conseguiu interceptalos na aldea do Roncudo cando abandonaban a zona, momento no que os sospeitosos emprenderon a fuxida.
O gardián iniciou unha persecución a pé polos montes da contorna e logrou localizar a un dos implicados oculto entre a maleza, portando dúas mochilas. Nunha delas recuperouse o percebe subtraído. Ao ser descuberto, o individuo colleu a outra mochila e intentou escapar de novo.
Durante a fuxida, os presuntos furtivos responderon con actitudes violentas, chegando a lanzar pedras e proferir ameazas contra o axente, aínda que finalmente o material foi recuperado e posto a disposición das autoridades competentes.