
O PSOE de Malpica fixo públicas as queixas recibidas por parte dos usuarios do Centro Médico de Buño debido á drástica redución do servizo de medicina de familia que se está a producir nas últimas semanas.
Segundo denuncia a formación socialista, o horario habitual de atención, que era de 8:00 a 14:00 horas, pasou a reducirse a tan só dúas horas ao día, de 9:00 a 11:00, ou incluso a algunha hora solta polas tardes. Ademais, estanse dando citas con ata un mes de demora, o que está a xerar unha situación de grande preocupación entre a veciñanza.
O PSOE de Malpica tamén alerta de que non se están a atender urxencias no propio centro, derivando os pacientes directamente aos hospitais, a pesar de que o Punto de Atención Continuada (P.A.C.) de referencia é o de Carballo, que non comeza a prestar servizo de urxencias ata as 15:30 horas. “Isto deixa á poboación nunha situación de clara indefensión sanitaria durante boa parte do día”, sinalan dende o grupo municipal.
Dende o PSOE de Malpica denuncian a falta de compromiso tanto da Xunta de Galicia como do goberno local co Concello e coa atención sanitaria básica da súa veciñanza. “Estamos a sufrir unha discriminación inaceptable por parte da Xunta, que está a desmantelar servizos esenciais como é a sanidade pública no noso concello”, afirman.
Ante esta situación, a formación socialista anunciou unha serie de accións para esixir o restablecemento do servizo médico no Centro de Buño nas mesmas condicións nas que se prestaba con anterioridade:
- No pleno ordinario do vindeiro 29 de xaneiro presentarán unha moción instando á Xunta de Galicia a restablecer o servizo médico no Centro de Buño co horario e a atención habitual.
- No caso de que non se restitúa o servizo de medicina de familia, o grupo parlamentario do PSOE presentará unha reclamación na seguinte Comisión de Sanidade do Parlamento de Galicia.
- Se no prazo de sete días despois da aprobación da moción no pleno non se restablece o servizo, poñerán a disposición da veciñanza unha recollida de sinaturas para amosar o rexeitamento social a esta situación.
“Dende o PSOE de Malpica lamentamos profundamente a discriminación do noso concello por parte da Xunta de Galicia, pero queremos deixar claro que sempre nos terán de fronte contra o desmantelamento dos servizos básicos, e especialmente cando está en xogo a saúde dos nosos veciños e veciñas, usuarios do Centro Médico de Buño”, conclúen.