A Policía Local de Carballo investiga o pinchazo de rodas en trece vehículos na avenida de Fisterra

A Policía Local de Carballo investiga un acto de vandalismo ocorrido na madrugada do pasado sábado na avenida de Fisterra, á altura do restaurante Mesón do Pulpo, onde foron pinchadas as rodas de cando menos trece vehículos estacionados na vía pública.

Os propietarios dos coches alertaron ás autoridades tras descubriren os danos, o que motivou o desprazamento dos axentes ata a zona para recompilar datos, revisar posibles gravacións de cámaras de seguridade e buscar indicios que permitan identificar as persoas responsables.

Este tramo da avenida xa rexistrara nos últimos meses outros episodios de danos e pequenos furtos en vehículos, o que incrementa a preocupación veciñal pola seguridade na zona.

Desde o Concello de Carballo solicítase a colaboración cidadá para achegar calquera información que poida resultar útil para esclarecer o ocorrido e previr novos ataques vandálicos.