O BNG EXIXE “CON URXENCIA” OBRAS DE MELLORA NO FIRME DA AUTOVÍA AG-55 ENTRE CARBALLO E A CORUÑA

O deputado Oscar Insua denuncia o mal estado do firme da autovía, “con ducias de balsas de augas e de fochancas en todo o traxecto entre Carballo e A Coruña”

“Os días de choiva a xente vai moi preocupada porque é un auténtico perigo. Pagar por isto é un atraco, outra aldraxe á nosa comarca”, sinala o parlamentario nacionalista

Costa da Morte, 24 de xaneiro de 2026.  O deputado do BNG para Bergantiños e a Costa da Morte, Oscar Insua, vai levar “sen demora” ao Parlamento galego a demanda de mellorar “con urxencia” o firme da autovía AG-55 entre Carballo e A Coruña. O parlamentario nacionalista sinalou que “a Xunta de Galiza, que é a titular da vía, non parece que se preocupe nin faga absolutamente nada para resolver o que é evidente, que a autovía parece unha pista de patinaxe os días que chove, ademais de ter tramos co firme en mal estado, a diferencia do que ocorre no novo tramo entre Carballo e Baio, no que o firme drena perfectamente a auga”.

O BNG lembrou que a autoestrada de peaxe Carballo-A Coruña (AG-55), a primeira integramente galega, construíuse en dúas fases a principios dos anos 90: o tramo entre A Coruña e A Laracha inaugurouse o 26 de setembro de 1993, e a segunda fase ata Carballo completouse o 30 de decembro de 1997, que foi cando se inaugurou. “Van 27 anos dende que se construíu e o firme presenta un estado lamentable, con numerosas fochancas e con ducias de balsas de augas”, advertiu a formación nacionalista, que subliñou que “esta vía de 32 quilómetros conta con 51 curvas, varias delas moi perigosas en diferentes tramos”. 

A organización nacionalista denunciou que o tramo Carballo-A Coruña “está repleto de rebacheos, con ducias de puntos onde se concentran balsas de augas os días que chove, e que provocan ‘aquaplaning’, e que acaban moitas das veces en accidentes de tráfico”. Considera, ademais, que a autoestrada “precisa urxentemente a intervención da administración pública, porque é patente que a concesionaria non está a cumprir coas obrigas de mantemento da mesma, polo que é necesario que a Axencia Galega de Infraestruturas realice unha inspección global desta autovía para determinar as accións necesarias que resolvan e solucionen o mal estado que presenta o firme da mesma”.

“As obras de conservación e mantemento, se é que se fan, non cumpren a normativa”, afirmou o deputado Oscar Insua. “E a Xunta parece que se desentende do seu control, porque está á vista de todos o estado lamentable, chea de remendos de lonchas de asfalto; os días de choiva, que son moitos no inverno, todos teñen que reducir a velocidade se non se queren matar, e iso non é o normal nunha autovía ben conservada”, engadiu. 

Dende o BNG avanzaron que van a levar a cabo todas as accións posibles: revisión dos contratos,  iniciativas parlamentares e denuncias en todos os organismos de supervisión da seguridade vial para que se solucione este problema, “porque ademais de apaleados coa peaxe, non queremos morrer”.

Por último, o deputado nacionalista indicou que “non podemos permitir seguir así ata o 2045, que é cando remata a concesión outorgada polo PP a esta empresa no ano 1995; hai que adoptar medidas urxentes para cambiar o firme da autovía, e mentres non o fagan eliminar a peaxe, porque o servizo non se ofrece coas condicións mínimas de seguridade, polo menos cando chove”.

“Imos facer todo o posible para frear esta aldraxe, porque non pode ser todo ganar cartos sen investir un peso nela”, concluíu Insua.