UCIN esixe a dimisión de Rueda e súmase á petición do PP contra o ministroÓscar Puente polo abandono da sanidade galega

A Unión de Cidadáns Independentes de Galicia (UCIN), a través do seu coordinador
autonómico José Luis Calo, anunciou que respalda a petición do Partido Popular para
que dimita o ministro de Transportes, Óscar Puente, e engade ademais a esixencia de
dimisión do presidente da Xunta de Galicia, Alfonso Rueda, polo abandono da sanidade
pública galega.


Desde UCIN Galicia denúnciase que a cidadanía está a sufrir unha grave falta de
atención sanitaria debido á escaseza de medios, infraestruturas insuficientes, listas de
espera cada vez máis longas e saturación na atención primaria e hospitalaria. A
formación considera que, do mesmo xeito que o PP esixe responsabilidades ao Goberno
central, é coherente esixilas tamén ao Executivo galego, responsable directo da xestión
sanitaria na comunidade.


José Luis Calo declarou: “Se o PP pide a dimisión do ministro Óscar Puente, UCIN
tamén a apoia, pero ademais esiximos a dimisión de Alfonso Rueda polo abandono da
sanidade pública galega. A cidadanía non está a recibir a asistencia que merece e a
responsabilidade política debe asumirse tanto en Madrid como en Galicia”.
UCIN Galicia lembra que esta non é unha posición puntual, senón a continuidade dunha
liña de traballo constante en defensa da sanidade pública. Nos últimos anos, a formación
denunciou publicamente o colapso da atención primaria, o peche de camas hospitalarias
en períodos clave, a falta de persoal sanitario, especialmente nas zonas rurais, e o
incremento das listas de espera tanto para consultas como para intervencións cirúrxicas.
Así mesmo, UCIN alertou sobre o deterioro da atención nas residencias de maiores,
reclamando maior supervisión pública, máis recursos e unha integración real dos
servizos sociais e sanitarios.


Do mesmo xeito, a organización reclamou en reiteradas ocasións un investimento
suficiente e sostido en infraestruturas sanitarias, a paralización de procesos de
privatización encuberta e a recuperación de servizos públicos esenciais que foron
externalizados, así como unha planificación sanitaria que garanta igualdade de acceso á
atención médica en todo o territorio galego.
UCIN Galicia reitera o seu compromiso firme cunha sanidade pública, universal, digna
e de calidade, e esixe ás administracións responsables que adopten medidas urxentes
para reverter a situación actual e garantir o dereito fundamental á saúde de toda a
cidadanía.