O PSDEG-PSOE DA LARACHA ABORDARÁ NO PLENO A SEGURIDADE VIARIA, O USO DA PISCINA E A PROTECCIÓN DO PATRIMONIO 

A Laracha, 26 de xaneiro de 2026. A voceira do Grupo Municipal Socialista da Laracha, Inés Ramos, convida aos medios de comunicación locais a cubrir a sesión ordinaria do Pleno que se celebrará o vindeiro xoves, 29 de xaneiro, ás 13:30 horas na Casa da Cultura.

Nesta sesión, o grupo socialista presentará iniciativas de “alto impacto” para a veciñanza:

Xustiza fiscal na piscina municipal: Presentarase unha moción para modificar a normativa e garantir que non se cobre a cota mensual cando a instalación estea pechada. O obxectivo é que o cobro estea vinculado ao uso efectivo das instalacións, evitando que as persoas usuarias asuman o custo de peches por mantemento ou descansos do persoal.  

Seguridade peonil na Avenida Finisterre (AC-552): Solicitarase unha intervención urxente á altura da Panadería Herminia para eliminar definitivamente as marcas dun antigo paso de peóns que está a causar confusión e perigo de atropelos. A degradación da pintura antiga fixo visibles marcas que provocan que moitas persoas crucen por un punto non habilitado oficialmente.  

Protección do Castro de Santa Baia (Soandres): Inés Ramos pedirá explicacións públicas sobre os movementos de terras con maquinaria pesada realizados nunha zona de alta sensibilidade arqueolóxica. O grupo socialista cuestionará se as obras contan coas licenzas e o control de Patrimonio necesarios para evitar a destrución do legado histórico local.  

Detalles do evento:

  • Que: Pleno Ordinario do Concello da Laracha.
  • Lugar: Casa da Cultura da Laracha.
  • Cando: Xoves, 29 de xaneiro de 2026.
  • Hora: 13:30 horas.

A voceira rematou afirmando que “agardamos contar coa presenza dos medios pola importancia destes asuntos para o benestar e o patrimonio dos laracheses e larachesas”