Movistar deixou incomunicada a media Costa da Morte durante toda a noite e segue agora mesmo

Movistar deixou incomunicada a media Costa da Morte durante toda a noite e segue a dia de hoxe, nun novo episodio intolerable de falta de servizo e abandono dun territorio que tamén paga facturas. Dende arredor das 20:00 horas de onte, os concellos de Malpica de Bergantiños, Ponteceso, Cabana de Bergantiños, Laxe e diversos puntos de Carballo quedaron sen cobertura móbil nin datos, unha situación que se prolongou durante horas e que aínda hoxe segue afectando a numerosos usuarios.

Esta caída deixou á veciñanza, empresas, hostalaría e mesmo servizos esenciais totalmente incomunicados, sen posibilidade de facer chamadas nin acceder a internet, algo especialmente grave nunha comarca dispersa, envellecida e que depende das telecomunicacións para emerxencias, traballo e vida diaria.

Non estamos a falar dun feito puntual, senón de incidencias continuas, repetidas no tempo, que demostran a falta de investimento e de compromiso de Movistar coa Costa da Morte. É inaceptable que unha compañía que se presenta como operador líder ofreza un servizo propio doutros tempos, mentres cobra como se dera cobertura de primeira.

A Costa da Morte non é un territorio de segunda. Esiximos explicacións inmediatas, solucións reais e garantías de que este tipo de situacións non se volverán repetir. A paciencia da cidadanía está esgotada. O dereito a unhas comunicacións dignas tamén existe aquí.