O Sergas responde á falta de médicos en Mazaricos con “papel mollado” e escusas burocráticas

Tras a reclamación presentada por Francisco Javier González Trillo, voceiro de Espazo Común Mazaricos, ante a Xerencia do CHUS e o Sergas pola alarmante falta de facultativos no noso Centro de Saúde, a administración autonómica vén de remitir unha resposta que desde esta formación cualificamos como un auténtico insulto á veciñanza.

Na súa contestación, a Consellería de Sanidade admite que a cobertura sanitaria se “fai da mellor forma posible”, escudándose na “dificultade de dispoñibilidade de médicos”. Unha explicación insuficiente e inaceptable para un servizo público esencial.

Puntos clave da denuncia

O rural non pode ser un parche de Galicia
O Sergas agochase tras un problema estrutural que el mesmo creou para xustificar que Mazaricos conte cun servizo sanitario de segunda categoría. Non faltan médicos por azar: falta planificación, vontade política e dignidade nas condicións laborais.

A “asistencia urxente” non é suficiente
A administración presume de garantir as urxencias as 24 horas, pero esquece que un centro de saúde debe garantir prevención, seguimento de doenzas crónicas e unha atención primaria de calidade. Sen médicos estables, a saúde dos nosos maiores e persoas vulnerables está en serio risco.

Xestión de costas ao pobo
Lamentar o “desacordo”, como fai a Xerencia na súa carta, é unha falta de respecto. A veciñanza de Mazaricos non está en desacordo por capricho: está indignada porque paga os mesmos impostos ca calquera outra, pero recibe recortes a cambio.

Declaración de Francisco Javier González Trillo

“O que está a facer o Sergas con Mazaricos é inxusto e inaceptable. Non pedimos privilexios, esiximos igualdade. A sanidade pública non pode abandonar o rural nin tratar á nosa xente como cidadáns de segunda”.