Vimianzo contará cunha sede da UNED para impartir cursos e actividades universitarias

Vimianzo converterase en sede oficial da Universidade Nacional de Educación a Distancia (UNED) tras a sinatura dun convenio de colaboración entre a alcaldesa do municipio, Mónica Rodríguez, e a directora do Centro Asociado da UNED na Coruña, Ana Mónica Novo.

Grazas a este acordo, o municipio acollerá de maneira presencial actividades e cursos de Extensión Universitaria, cursos de verán, programas de orientación académica e inserción laboral, así como iniciativas da UNED Sénior e cursos de idiomas en modalidade a distancia.

Con esta incorporación, Vimianzo amplía a súa oferta educativa e facilita o acceso á formación universitaria á veciñanza da comarca, evitando desprazamentos e reducindo custos para o alumnado.

Para o desenvolvemento destas actividades, o Concello porá á disposición do Centro Asociado da UNED espazos municipais debidamente acondicionados que garantan o correcto funcionamento da nova sede.

A alcaldesa, Mónica Rodríguez, salientou a importancia do convenio, que definiu como “unha gran oportunidade para seguir mellorando o acceso á educación dos nosos veciños e veciñas”, e destacou que a chegada da UNED a Vimianzo “abre moitas posibilidades para toda a comarca e permitirá aforrar moitos cartos”.