
A Unión de Cidadáns Independentes (UCIN) pon o foco nas localidades de Santa
Comba e Negreira, onde considera inadmisible que os seus alcaldes perciban soldos
propios de concellos de máis de 30.000 habitantes mentres arrastran infraestruturas
obsoletas e servizos estancados desde hai máis de vinte anos.
En Santa Comba, cunha poboación duns 9.442 habitantes en 2025, o alcalde Alberto
Romar conta con dedicación exclusiva e un soldo bruto anual de 52.000 euros. En
Negreira, con aproximadamente 6.969 habitantes, o alcalde Manuel Ángel Leis
Míguez percibe 46.233,51 euros anuais.
Para UCIN, estes soldos non gardan ningunha proporción coa realidade social,
económica nin de servizos de ambos concellos. “Mentres a veciñanza sofre estradas
deterioradas, falta de investimento, servizos públicos deficientes e ausencia de
proxectos transformadores, os seus alcaldes asegúranse retribucións propias de grandes
cidades”, denuncian desde a formación.
UCIN fai especial fincapé na falta de transparencia do Concello de Negreira, que non
publica información relevante no seu portal de transparencia, incumprindo a súa obriga
de render contas á cidadanía.
A formación está mantendo reunións con colectivos veciñais e sociais para presentar
unha alternativa seria e responsable fronte ao que cualifican como xestións opacas,
estancadas e afastadas das necesidades reais da poboación.
“Os veciños e veciñas de Santa Comba e Negreira non poden seguir pagando cos seus
impostos soldos desproporcionados a cambio de parálise, abandono e falta de futuro. É
hora de poñer fin a esta situación e devolver a política municipal ao servizo da xente”,
conclúe UCIN.