
Vimianzo, 6 de febreiro de 2026. O Bloque Nacionalista Galego de Vimianzo amosou no último pleno da corporación municipal unha postura firme e crítica ante varios puntos da orde do día, especialmente no relativo á xestión económica e á planificación de investimentos do goberno local.
No debate sobre a aprobación do pago de facturas por valor de 479.000 euros, o BNG denunciou unha grave falta de transparencia por parte do executivo municipal, ao pretender levantar un reparo negativo de intervención sen facilitar á oposición o mencionado informe. Tamén lamentou a “mala xestión e despilfarro” do goberno local, “pois contando con nove millóns de euros no orzamento de 2025, rematou o ano cunha débeda de case medio millón”.
Ademais, o grupo nacionalista puxo en cuestión posibles incumprimentos da normativa de contratación, ao detectarse gastos en subministracións que superan os límites legais sen licitación pública.
No relativo á declaración da Caseta de Lagoeiros como parcela sobrante, o BNG mostrouse de acordo coa súa venda ou permuta, ao tratarse dun ben municipal que non ofrece utilidade pública e supón un gasto innecesario.
Sobre o Plan de Obras e Servizos (POS) 2026, a formación nacionalista recoñeceu que as actuacións propostas avanzan en materia de saneamento e seguridade peonil, pero criticou que se incumpriran compromisos adquiridos con parroquias como Serramo, Campo e Bamiro, quedando novamente fóra de actuacións básicas. “Por este motivo, e pola elevada contía destinada a gasto corrente, o noso grupo optou pola abstención”, indicaron os nacionalistas.
En relación co POS Social 2026, o BNG alertou da situación límite dos servizos sociais municipais, denunciando a demora na licitación da escola infantil, do comedor sobre rodas e da vivenda comunitaria, o que está a prexudicar tanto ás persoas usuarias como ás traballadoras, que acumulan atrasos nos seus salarios. O BNG condicionou o seu voto favorable ao compromiso firme de sacar estas licitacións antes do verán.
A formación nacionalista valorou positivamente a aprobación das dúas mocións que presentaron para o seu debate no pleno: unha sobre a proposta de construción da Casa da Xuventude; e outra, que logrou unanimidade, relativa a instar á Xunta de Galiza para que modifique o trazado da Autovía da Costa da Morte e incluír un enlace co parque empresarial de Vimianzo.
Finalmente, nos rogos e preguntas, o BNG esixiu explicacións sobre a demora na licitación do servizo de recollida de residuos, considerou desproporcionada a presenza de seis representantes municipais en FITUR e reclamou actuacións urxentes ante as deficiencias nas recentes obras de humanización.
O BNG de Vimianzo reafirma así o seu compromiso coa defensa da transparencia, da boa xestión dos recursos públicos e das necesidades reais das parroquias e da veciñanza do concello.