A rehabilitación do colexio Labarta Pose, en Zas, incluíra o illamento térmico das fachadas, o cambio de fiestras e a reforma das cubertas

O conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e FP, Román Rodríguez, detallou hoxe no Parlamento que a rehabilitación do Colexio Labarta Pose (Zas) incluirá, entre outras actuacións, o illamento térmico das fachadas, a renovación das fiestras e a reforma das cubertas. Todas elas son accións encamiñadas a mellorar o confort diario da comunidade escolar e a eficiencia enerxética do centro, que están entre as principais prioridades do Plan de nova arquitectura pedagóxica, na que se enmarca a obra.

O titular do departamento educativo da Xunta sinalou que o proxecto da rehabilitación integral está en fase de redacción, cun orzamento previsto que se situará en torno a 1M€. Licitarase unha vez que todo o expediente administrativo–arquitectónico estea rematado, dentro da programación de obras para o período 2024/28. Tal e como destacou, esta nova intervención eleva a arredor de 1,5 € o investimento da Xunta en obras nos centros de Zas ao abeiro do devandito plan.

Román Rodríguez recordou, así mesmo, que o mantemento dos centros de Infantil e Primaria é competencia municipal. Neste sentido, cómpre sinalar que a Unidade Técnica da Consellería detectou en ambos centros que imparten Infantil e Primaria en Zas incidencias derivadas da falta de traballos de conservación, como os canlóns tupidos por falta de limpeza.

Aínda así, a Xunta asume reparacións que se derivan, en moitos casos, desta falta de mantemento. De feito, no marco do Plan de nova arquitectura pedagóxica investíronse máis de 210 M€ só na rehabilitación, conservación e mellora de colexios e institutos.

En calquera caso, insistiu en que as obras educativas, que supoñen actuar en Galicia nun parque inmobiliario composto por máis de 1.600 edificios, con moitos deles superando os 40 anos de antigüidade, non poden ser asumidas só polas administracións autonómicas e locais en exclusiva.

Neste sentido, reiterou a necesidade de que o Goberno central habilite un Plan nacional de infraestruturas educativas con fondos dirixidos a concellos, para que realicen mantemento e conservación, ou ás comunidades, para o cofinanciamento do resto das actuacións. Cómpre tamén lembrar a petición da redución do IVE das obras en centros educativos, medida que Moncloa tampouco decidiu adoptar, e que tamén foi aprobada polo Parlamento de Galicia.