
O Concello de Muxía vén de dar un novo paso na mellora das súas infraestruturas coa sinatura do traspaso da titularidade da estrada de acceso ao Faro de Touriñán, unha vía de grande importancia tanto para a veciñanza como para o fluxo turístico cara a un dos enclaves máis representativos da Costa da Morte.
No acto participou o alcalde de Muxía, Javier Sar, xunto con representantes da Autoridade Portuaria da Coruña e do Ministerio de Facenda, nun encontro que supón un avance relevante para a xestión municipal deste acceso estratéxico.
A partir deste cambio, será o propio Concello quen pase a asumir a xestión directa da estrada, o que permitirá unha intervención máis áxil, próxima e eficaz sobre unha infraestrutura clave para o día a día da cidadanía e para a proxección turística do municipio.
Desde o goberno local valoran de maneira moi positiva este acordo, ao considerar que reforza a capacidade da administración municipal para seguir mellorando os servizos públicos e as infraestruturas locais, dentro dunha estratexia centrada no desenvolvemento sostible e na atención ás necesidades reais da poboación.
Ademais, o traspaso prodúcese unha vez executadas as obras de mellora da vía, o que garante que o Concello reciba esta infraestrutura en boas condicións para o seu uso habitual, tanto por parte da veciñanza como das persoas visitantes.
O acceso ao Faro de Touriñán, un dos espazos máis emblemáticos do litoral muxián, constitúe un punto de especial interese paisaxístico, natural e turístico, polo que esta actuación tamén supón un reforzo da aposta municipal pola posta en valor do patrimonio e dos recursos naturais do territorio.
Con este paso, o Concello de Muxía continúa avanzando no seu compromiso coa mellora da calidade de vida da súa veciñanza e coa consolidación dun modelo de xestión próximo, útil e centrado no futuro do municipio.