
O Concello comeza a reparación de máis de 1.000 quilómetros de vías rurais para garantir a seguridade e facilitar o traballo no campo
O Concello de Mazaricos vén de iniciar as obras de reparación e mellora da súa rede de pistas agrícolas, unha actuación fundamental para poñer a punto máis de 1.000 quilómetros de vías rurais ante o comezo das intensas campañas de traballo agrícola.
Tras un inverno especialmente duro, marcado polos temporais e as fortes choivas, moitos treitos da rede viaria municipal sufriron danos importantes que dificultan o acceso ás explotacións gandeiras e agrícolas, así como o tránsito da maquinaria pesada e da veciñanza.
Coa chegada da primavera e o incremento da actividade no campo, o goberno local considera prioritario actuar nestas infraestruturas para garantir que os camiños estean en condicións óptimas de uso, mellorando tanto a seguridade como a mobilidade no rural.
Desde o Concello destacan que estas actuacións forman parte do compromiso municipal co mantemento do territorio e co apoio ao sector primario, clave na economía e na vida diaria de Mazaricos.
“É fundamental contar cunha rede de pistas agrícolas en bo estado para dar resposta ás necesidades das explotacións e asegurar unha boa comunicación entre os distintos lugares do concello”, sinalan desde o executivo local.
Os traballos desenvolveranse progresivamente en distintos puntos do municipio e permitirán reforzar a conectividade e a preparación do rural nun momento especialmente importante para a actividade agrícola.
O Concello de Mazaricos continuará traballando para que o municipio estea ben comunicado, preparado e á altura das necesidades da súa veciñanza e do seu sector agrario.