As pistas forestais quedan reparadas tras os traballos de acondicionamento posteriores ás cortas na Baña

As pistas forestais do municipio xa presentan un estado axeitado tras os traballos de reparación e acondicionamento levados a cabo polas empresas madeireiras unha vez finalizadas as cortas de madeira.

Estas actuacións realízanse en cumprimento do establecido na ordenanza municipal que regula as plantacións e as cortas de árbores, unha normativa que ten como finalidade minimizar os danos nas vías públicas, preservar o entorno e garantir unha xestión forestal responsable e ambientalmente sostible.

Dende o Concello lémbrase que as empresas e persoas responsables das cortas teñen a obriga de asumir diferentes actuacións unha vez rematados os traballos forestais, entre elas:

  • A limpeza das vías públicas
  • A reparación dos danos ocasionados
  • O cumprimento das condicións recollidas na normativa municipal

O goberno local subliña a importancia de respectar estas obrigas para manter en bo estado as infraestruturas viarias e evitar prexuízos á veciñanza e ao medio natural.

Ademais, advírtese de que o incumprimento destas responsabilidades pode derivar en sancións económicas, tal e como recolle a ordenanza vixente.