Adiante Santa Comba pide explicacións pola instalación dunha antena de telecomunicacións en San Pedro de Cícere

Santa Comba, 26 de marzo de 2026.– O grupo Adiante Santa Comba solicitou ao Concello información detallada sobre a concesión dunha licenza de obra e a cesión dunha finca municipal para a instalación dunha antena de telecomunicacións de 40 metros de altura na parroquia de San Pedro de Cícere.

Segundo indican desde a formación, a documentación municipal recolle a cesión de dúas fincas distintas, sen que se aclarase o destino da primeira nin os motivos polos que se optou posteriormente por unha segunda parcela. Esta última, cunha superficie de 75 metros cadrados, foi cedida por un período de 25 anos sen custo económico nin compensación para o Concello, unha decisión que cuestionan pola súa repercusión no interese público.

Adiante Santa Comba tamén pon o foco no procedemento empregado para levar a cabo a concesión. Aseguran que se realizou mediante decreto, sen ser incluída de forma clara na orde do día dun pleno nin sometida a debate público. A este respecto, critican a falta de transparencia e a ausencia de información tanto á veciñanza como aos grupos da oposición, que, segundo sinalan, tampouco advertiron esta actuación entre o conxunto de decretos municipais.

Outro dos aspectos que xera preocupación é a execución da obra a través do sistema de comunicación previa, sen que se fixeran públicos informes sobre o posible impacto da antena na poboación próxima. Neste sentido, recollen o malestar de veciños e veciñas da zona, que amosan a súa inquietude pola proximidade da infraestrutura ás vivendas e pola falta de información previa.

Desde a formación subliñan que, aínda que consideran necesaria a mellora das telecomunicacións no municipio, esta non debe levarse a cabo “sen garantir a seguridade e a tranquilidade das persoas nin sen ofrecer a información necesaria á cidadanía”.