Os socialistas levan ao pleno da Deputación unha moción esixindo á Xunta que paralice a tramitación da nova Lei de Administración Local e abra un proceso real de diálogo cos concellos 

Na Coruña, 26 de marzo de 2026. 

O Grupo Provincial do PSdeG-PSOE defenderá mañá no pleno da Deputación da Coruña unha moción na que reclama á Xunta de Galicia que paralice a tramitación do anteproxecto da nova Lei de Administración Local e abra un proceso de diálogo real cos concellos e deputacións. 

Os socialistas consideran “inaceptable” que unha norma chamada a regular o funcionamento de toda a arquitectura institucional galega se someta a exposición pública cun prazo de pouco máis de tres semanas, claramente insuficiente para o seu estudo, debate e formulación de alegacións por parte das entidades locais. 

Ademais, denuncian as formas empregadas pola Xunta, que “nin sequera se dirixiu directamente aos concellos”, limitando a comunicación a través da FEGAMP, o que evidencia, segundo o PSdeG, “unha falta de respecto institucional cara ao municipalismo galego”. 

O voceiro socialista provincial, Bernardo Fernández, critica tamén que o Goberno autonómico, e concretatamente o conselleiro Diego Calvo, fale dun texto “participado” mentres “ignora aos representantes lexítimos dos concellos, que son quen coñecen a realidade diaria da administración local”. 

“O que está en xogo non é é a norma que vai ordenar o funcionamento dos concellos e das deputacións durante décadas. Non se pode facer con présas nin dende despachos alleos á realidade municipal”, sinala o voceiro socialista. 

Na moción, o PSdeG solicita que a Xunta retrotraia o procedemento ao momento previo á aprobación do anteproxecto e que abra un período de consultas “real e efectivo”, con prazos acordes á magnitude da norma e que garanta a participación activa das entidades locais. 

Os socialistas lembran que a autonomía municipal está recoñecida na Constitución e advirten de que “non pode ser ignorada nin tratada como un trámite secundario”. 

Finalmente, o PSdeG acusa ao Partido Popular de “incoherencia política”, ao criticar noutras ocasións prazos curtos en reformas estatais mentres aplica en Galicia políticas de feitos consumados.