O BNG considera “unha vergonza” que a Xunta asuma un novo atraso para a entrega de títulos notariais da concentración parcelaria de Carnés e Cereixo

Costa da Morte, 27 de marzo de 2026. O BNG denunciou un novo atraso na finalización do proceso administrativo da concentración parcelaria de Carnés e Cereixo, no municipio de Vimianzo, e considera “unha vergonza” que a Xunta de Galiza leve dous anos prometendo o seu remate e non cumpra cos prazos marcados. 

O deputado nacionalista Oscar Insua levou este asunto ao Parlamento galego este venres 27 de marzo, e preguntou á Directora Xeral de Desenvolvemento Rural, Paz Rodríguez Rivera, sobre as previsións de aprobación da acta de reorganización da propiedade e entrega dos títulos notariais definitivos aos propietarios e propietarias dos terreos, que levan moitos anos agardando e os motivos da lentitude e demora.

Ante a resposta da directora xeral indicando que está previsto que o proceso se conclúa no primeiro semestre de 2027, o parlamentario do BNG afeoulle que “o goberno galego non cumpre cos seus compromisos nunca na Costa da Morte, somos os últimos de filipinas para todo; e neste caso van tarde, mal e arrastro, e a parcelaria segue sen rematarse”. 

Insua criticou que “levan máis de 30 anos coa concentración parcelaria de Carnés e Cereixo; dígame se esta é a Galiza que funciona de Rueda e da Xunta do PP? Case que poderían estirar o tempo e que vaia o señor Rueda a entregar os títulos notariais en 2028, coincidindo coas vindeira eleccións galegas. Isto é unha vergonza”.

O deputado do BNG incidiu en que “existe un problema de falta de persoal para realizar os trámites que faltan, e o que teñen que facer é poñer máis, porque na delegación xa nos recoñeceron que tiñan moi pouco persoal e moito traballo”, e recriminoulle á directora xeral que afirmara que non era un atraso administrativo. “Case 40 anos para facer unha parcelaria e vostede me di que non é un atraso administrativo, entón como hai que chamarlle a isto?”.

Pola súa parte, o portavoz municipal do BNG de Vimianzo, Benxamín Queiro, manifestou que “é un despropósito o incumprimento do Partido Popular coa veciñanza de Vimianzo, neste caso de Carnés e Cereixo; a xente quere os títulos canto antes, e non poden enganalos ano tras ano».  

O edil nacionalista avanzou que «desde o BNG seguiremos apoiando e traballando cos veciños e veciñas para exixir á Consellería de Medio Rural que poña todos os medios posíbeis para finalizar o proceso canto antes, e non pararemos de insistir para dar solución a este atraso que consideramos inxusto”.