O PSDEG DE CORISTANCO CELEBRA A APROBACIÓN NO PLENO DA SÚA MOCIÓN PARA RECLAMARLLE Á XUNTA UNHA AMBULANCIA MEDICALIZADA NA BISBARRA

José Manuel Pérez Abelenda sinala que se trata dun servizo esencial polo que a cidadanía de Bergantiños e da Costa da Morte leva agardando máis de 25 anos

En Coristanco, a 27 de marzo de 2026. O PSdeG-PSOE de Coristanco celebra a aprobación no último pleno municipal da moción presentada polo grupo municipal socialista para reclama que a Xunta de Galicia dote á  comarca de Bergantiños dunha ambulancia medicalizada de soporte vital avanzado (SVA) con base permanente na zona.

“A comarca de Bergantiños leva máis de vinte e cinco anos reclamando este recurso, esencial para garantir unha atención sanitaria urxente rápida e de calidade nun territorio cunha elevada dispersión poboacional e con importantes distancias aos hospitais de referencia”, explica o voceiro socialista local José Manuel Pérez Abelenda.

“Na actualidade, as ambulancias medicalizadas máis próximas sitúanse na cidade da Coruña, o que implica tempos de resposta que poden superar os trinta minutos para chegar a Coristanco ante unha emerxencia grave”, indícase na moción aprobada”.

O texto lembra que este tempo de espera resulta especialmente crítico en caso de infartos, ictus, accidentes graves ou paradas cardiorrespiratorias, nas que cada minuto é clave para a supervivencia e para evitar secuelas graves.

“A pesar das reiteradas demandas sociais e institucionais ao longo do tempo, Bergantiños segue sen contar cunha ambulancia medicalizada propia, o que evidencia unha carencia estrutural na planificación sanitaria do territorio”, continúa a moción.

O texto presentado polos socialistas afirma que “dotar a Coristanco e a Bergantiños dunha ambulancia medicalizada non é un luxo, é unha cuestión de equidade e xustiza sanitaria”. “A cidadanía do noso Concello e da comarca de Bergantiños paga os seus impostos do mesmo xeito que o fan as grandes cidades, e merece contar coas mesmas garantías ante unha emerxencia médica vital”, engade.