
O portavoz socialista en Malpica, Alfredo Cañizo, cargou con dureza contra o desenvolvemento do último pleno municipal, celebrado este xoves, que cualificou como “un espectáculo bochornoso que ningún veciño debería tolerar”.
Cañizo denunciou o que considera unha “grave deriva institucional” por parte do Goberno local e acusou tamén ao BNG de actuar como “sostén encuberto” do executivo municipal.
Críticas á obra da rotonda do Ventorrillo
Un dos principais puntos de conflito foi a moción presentada polo PSOE para paralizar a construción dunha rotonda na rúa Ventorrillo, cun custo estimado de 330.000 euros.
Segundo explicou Cañizo, a proposta buscaba redirixir ese investimento para facer fronte ao pago de autónomos e provedores municipais, que —asegura— levan “meses, e nalgúns casos case un ano, sen cobrar”.
“O Concello está nunha situación económica insostible e, mentres hai débedas acumuladas, o Goberno segue priorizando obras que non son urxentes”, afirmou.
O edil socialista acusou ao PP de “manter unha política de malgasto” e ao BNG de permitir esa situación “co seu apoio nos momentos decisivos”.
Denuncia o comportamento da secretaria municipal
Outro dos episodios máis tensos da sesión, segundo relata o portavoz socialista, produciuse durante o debate da súa moción, cando a secretaria municipal interveu de maneira que Cañizo considera “absolutamente impropia”.
Na súa versión dos feitos, a funcionaria “increpou, berrou e interrompeu” a súa intervención, asegurando ademais que o pleno “non era competente” para abordar a cuestión formulada.
“É intolerable que unha traballadora pública se salte o protocolo institucional para impedir que un representante lexítimo dos veciños poida defender unha proposta política”, sinalou.
Cañizo tamén denunciou unha suposta “actitude de complicidade” entre a secretaria e o alcalde durante a sesión plenaria.
Críticas ao BNG pola moción sobre a OTAN
O portavoz socialista tamén cuestionou a oportunidade doutra das mocións debatidas no pleno, presentada polo BNG e centrada na OTAN.
Mentres, segundo denunciou, a súa proposta sobre “problemas reais” como o abastecemento de auga, a subministración eléctrica ou a falta de internet atopou atrancos, a iniciativa nacionalista “puido ser debatida sen ningunha obxección”.
“Os veciños de Malpica teñen preocupacións moito máis urxentes que os debates ideolóxicos afastados da realidade municipal”, sostivo.
Anuncia unha denuncia formal
Cañizo avanzou que este luns presentará unha denuncia formal ante a Administración Local, ao considerar que no pleno se produciu un “atropelo democrático” e unha vulneración do dereito de representación política.
Ademais, convidou á veciñanza a revisar a gravación íntegra da sesión, xa publicada —segundo indicou— no perfil do PSOE, para que “xulgue por si mesma o ocorrido”.
“Se pensan que berrando ou ninguneando as miñas mocións me van calar, é que non me coñecen. Vou seguir loitando por Malpica”, concluíu.