A Costa da Morte, dúas décadas esquecida entre promesas incumpridas e servizos deficientes

A Xunta do PP, a Deputación do PSOE e tamén moitos dos concellos gobernados polos partidos de sempre —incluíndo o BNG— levan máis de vinte anos deixando a Costa da Morte nun segundo plano. Un abandono continuado que se nota nas grandes infraestruturas prometidas, nos servizos básicos e na falta de presión política real para defender un territorio que segue esperando o que noutras comarcas xa é unha realidade.

Xa queda lonxe aquel discurso no que se falaba de levar o tren á Costa da Morte, unha promesa que hoxe soa case a broma. O mesmo pasa coa autovía directa ata Cee, anunciada unha e outra vez, pero que segue sen chegar mentres a comarca continúa dependendo de conexións lentas, insuficientes e impropias do século XXI.

Pero o problema non remata nas comunicacións. A veciñanza leva anos sufrindo tamén continuas caídas de luz e de internet en distintos puntos da Costa, afectando á vida diaria, ao comercio, ao teletraballo e ao desenvolvemento empresarial. O que noutras zonas sería un escándalo puntual, aquí semella convertido nunha rutina asumida polas administracións.

Outro exemplo claro é o problema da auga en Malpica durante o verán, unha situación repetida que evidencia a falta de planificación e investimento para garantir un servizo esencial nun concello que multiplica a súa poboación nos meses estivais. Mentres tanto, tamén segue sobre a mesa a necesidade de contar cun hospital de calidade en Carballo, capaz de responder ás necesidades reais dunha comarca enteira que leva demasiado tempo recibindo menos do que merece.

E por se faltaba algo, esta semana o protagonismo negativo levouno Movistar, tras novos problemas de servizo que volveron poñer enriba da mesa a precariedade das telecomunicacións na zona. Un episodio máis nunha longa lista de fallos que deixan clara unha realidade: na Costa da Morte páganse servizos de primeira para recibir prestacións de terceira.

O máis grave non é só a responsabilidade das empresas, senón tamén a pasividade dos gobernantes, incapaces —ou sen vontade— de presionar con firmeza para esixir solucións e garantir un servizo digno para a cidadanía.

A Costa da Morte non precisa máis fotos, máis visitas institucionais nin máis titulares baleiros. Precisa feitos. Porque tras vinte anos de promesas, retrasos e esquecemento, a sensación xeral na comarca é cada vez máis clara: seguen tratándonos como unha periferia á que só se mira cando interesa.

E mentres tanto, aquí seguimos esperando. Vai a merda Movistar.