O PP de Negreira pasa á acción e denuncia o abandono da Praza do Ferreiro e a falta de transparencia do Concello

O Partido Popular de Negreira elevou o ton das súas críticas ao goberno municipal, denunciando o que considera unha situación de «inacción política» e abandono por parte do alcalde e do executivo local.

Os populares aseguran que o Concello leva anos sen actualizar o Portal da Transparencia, incumprindo así os principios básicos de información e rendición de contas que a veciñanza merece. “Mentres o alcalde cobra relixiosamente todos os meses, os veciños seguen sen ter acceso a información actualizada sobre a xestión municipal”, sinalan desde a formación.

O PP tamén puxo o foco no estado da Praza do Ferreiro, un dos espazos máis emblemáticos da vila e punto de referencia para milleiros de peregrinos que percorren o Camiño de Santiago ao seu paso por Negreira. Segundo denuncian, a zona presenta un deterioro progresivo ante a pasividade do goberno local.

“De nada serve ir vender o turismo e o Camiño a Madrid, Portugal e outros puntos do mundo se temos abandonada e en continuo deterioro a Praza do Ferreiro, un lugar de visita e descanso para os peregrinos e, sobre todo, un espazo que forma parte do conxunto histórico de Negreira”, afirman desde o grupo popular.

A formación asegura que tanto os veciños como o propio Partido Popular trasladaron en numerosas ocasións as súas queixas e advertencias ao Concello, sen obter resposta nin actuacións concretas. “As reiteradas queixas dos veciños e os toques de atención do noso grupo político están caendo en oídos xordos”, lamentan.

Desde o PP esixen ao alcalde que abandone a súa “actitude de deixadez” e que poña en marcha actuacións urxentes para recuperar e conservar un espazo que consideran fundamental para a imaxe de Negreira, tanto para os seus habitantes como para os visitantes que cada ano percorren o municipio.