Dúas menores investigadas en Carballo por instigar e gravar a agresión a un mozo á saída dun colexio

A Guardia Civil investiga a dúas menores de idade como presuntas coautoras dun delito de lesións e outro de trato degradante tras a agresión sufrida por un mozo á saída dun centro escolar en Carballo.

Os feitos, denunciados ante a Garda Civil, tiveron lugar o pasado 11 de marzo, cando a vítima foi agredida ao rematar a xornada lectiva. Tras as investigacións realizadas, os axentes confirmaron a participación de tres menores no incidente.

Segundo informou o Instituto Armado nun comunicado, o autor material dos golpes é un menor de 14 anos, polo que resulta inimputable penalmente. Porén, as dúas menores agora investigadas terían instigado de maneira “activa e persistente” ao agresor para que continuase coa agresión, ao tempo que gravaban a escena cun dispositivo móbil.

Posteriormente, o vídeo foi difundido a través dunha aplicación de mensaxería instantánea.

Ante estes feitos, a Garda Civil procedeu á investigación de ambas mozas como presuntas coautoras dos delitos mencionados. Así mesmo, o Instituto Armado lembrou que, aínda que o agresor principal sexa menor de 14 anos, isto non o exime de responsabilidade civil, que recaerá nos seus titores legais.

Finalmente, as autoridades advertiron que a gravación e difusión de imaxes sen autorización pode constituír, de maneira independente, unha infracción da normativa de protección de datos.