O BNG súmase á mobilización da veciñanza contra a planta de biogás na Laracha

Os deputados nacionalistas Oscar Insua e Xosé Manuel Golpe, xunto á portavoz municipal da formación, Carolina Castiñeiras, acoden á xuntanza veciñal celebrada este luns 13 de abril na parroquia de Soandres 

A Laracha, 14 de abril de 2026. O BNG da Laracha participou este luns 13 de abril na xuntanza convocada pola veciñanza na parroquia de Soandres para amosar o rexeitamento á implantación dunha planta de biogás no lugar de Vista Alegre. 

Os asistentes amosaron as súas inquedanzas e preocupacións polo proxecto, que foron escoitadas pola portavoz municipal da formación nacionalista, Carolina Castiñeiras, que estivo acompañada polos seus compañeiros de organización e deputados no Parlamento galego, Oscar Insua e Xosé Manuel Golpe., ademais doutros integrantes do BNG larachés.

Na reunión, á que tamén acudiron membros da asociación ecoloxista ADEGA, informouse sobre os trámites que están en proceso para a instalación da planta e os efectos medioambientais negativos para a contorna da zona. A fábrica de biogás sería implantada á carón do río Anllóns e preto do lugar onde existen vivendas de veciños e veciñas de Soandres.

A portavoz municipal do BNG da Laracha, Carolina Castiñeiras, manifestou que “desde o BNG da Laracha alegrámonos de que toda a Corporación estea de acordo en dicir NON á planta, mais agora agardamos que todos os partidos políticos  manteñan a coherencia na súa postura e voten no Parlamento galego o mesmo: a favor dunha regulación que protexa á veciñanza deste tipo de instalacións contaminantes e en contra do espolio da nosa terra por parte de empresas foráneas”.