
A delegada da Xunta na Coruña, Belén do Campo, acompañada pola directora territorial da Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático, Pilar Arias, visitou hoxe os traballos realizados na lagoa de Louro incluídos dentro das actuacións da Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático para restaurar e poñer en valor humidais de interese nas catro provincias galegas.
En concreto, a actuación realizada en Muros encádrase dentro das intervencións de eliminación de especies exóticas invasoras (EEI) xa que se retiraron os afloramentos de herba da Pampa (Cortaderia selloana) que estaban máis próximos á lagoa. Ademais, levouse a cabo a sinalización de prohibición de paso na zona dunar. Na provincia da Coruña tamén está rematada outra intervención no ZEC Betanzos-Mandeo en Coirós.
A delegada da Xunta supervisou os traballos realizados de control de especies exóticas invasoras terrestres en humedais para o control desta especie, para os que se empregaron medios tanto manuais como mecánicos, en función da capacidade de acceso. Ademais, todo o material retirado levouse a un xestor autorizado para este tipo de residuos. Os traballos contaron cun orzamento de máis de 16.300 euros.
A representante do Goberno autonómico sinalou que esta actuación de carácter global en toda Galicia dispón dun investimento de 4,65 millóns de euros que o Executivo galego destina ata o ano 2028. Neste sentido, subliñou que este tipo de intervencións “resultan esenciais, xa que favorecen a descarbonización, permiten protexer o medio ambiente e contribúen á conservación da biodiversidade”.
Belén Do Campo puxo en valor a relevancia destas actuacións para preservar unha parte fundamental do patrimonio natural de Galicia. Así mesmo, lembrou que, aínda que Galicia é unha comunidade con abundancia de auga, “é necesario xestionala axeitadamente, optimizar o seu uso e garantir a súa conservación” incidindo en todos os eidos, como a conservación dos humidais.
Estas actuacións danlle continuidade a diferentes medidas e proxectos executados nos últimos catro anos por un importe de preto de 1,3 millóns de euros en toda Galicia e que permitiron abordar actuacións importantes para a restauración de varios hábitats dunares como os existentes no ámbito do Parque Natural Complexo dunar de Corrubedo e lagoas de Carregal e Vixán.
Galicia conta actualmente con 646 zonas húmidas inventariadas, que suman un total de 45.141 hectáreas e albergan unha notable biodiversidade na que se inclúen taxóns ameazados e hábitats de interese prioritario. Entre os humidais galegos destacan especialmente seis incluídos na lista Ramsar, un rexistro internacional que integra as zonas húmidas máis importantes do mundo polo seu interese ecolóxico e transcendencia para a conservación da biodiversidade. Destes seis, tres están na provincia da Coruña, entre eles o parque natural de Corrubedo.