A Deputación reivindica en Ponteceso o valor patrimonial e ambiental de Balarés

O deputado de Patrimonio da Deputación da Coruña, Xosé Penas, participou este mércores en Ponteceso nas actividades do proxecto de cooperación ‘Nova economía para a aldea do século XXI’, unha iniciativa centrada na reflexión sobre o futuro e a dinamización do medio rural que reúne representantes de distintas aldeas de Galiza, Asturias e Euskadi.

Ao abeiro deste encontro, Xosé Penas puxo en valor o traballo realizado pola Deputación para conservar e mellorar a contorna da praia de Balarés, un espazo emblemático do litoral pontecesán.

Durante a súa intervención, o deputado destacou a importancia da adquisición pública do areal por parte da institución provincial, lembrando que a compra se fixo «coa intención de protexela», en referencia á praia e piñeiral de Balarés, propiedade da Deputación desde 1978.

Penas repasou tamén a historia da antiga actividade mineira na zona e da empresa Titania, explicando ás persoas asistentes a evolución deste enclave e a transformación dos seus espazos vinculados á explotación industrial.

Ademais, avanzou que o inmóbel de titularidade provincial situado en Balarés, actualmente en proceso de reforma, sairá proximamente a licitación coa previsión de que poida abrir as súas portas no mes de setembro.
O deputado encadrou esta actuación dentro da estratexia da Deputación para seguir mellorando o espazo de Balarés, que inclúe tamén o aparcadoiro disuasorio xa executado e a futura creación dun pequeno auditorio ao aire libre.

O encontro continuará o xoves na sede da Fundación Eduardo Pondal co desenvolvemento da xornada central do proxecto, na que participarán diversas persoas expertas e responsábeis institucionais para abordar experiencias e propostas arredor da revitalización das aldeas e do desenvolvemento do rural.