
Zas viviu hoxe unha xornada moi especial coa celebración da tradicional comida do maior, un encontro cheo de emoción, convivencia e homenaxe ás persoas que representan a memoria viva do municipio.
Durante o evento, fíxose entrega do recoñecemento ás persoas de máis idade presentes, un momento moi agardado e cargado de simbolismo. Nesta ocasión, as homenaxeadas foron Araceli Espasandín, veciña de Vilardomato, que está a piques de cumprir os 100 anos o vindeiro mes de setembro, e José, de Pedra Padreiro, que recentemente celebrou o seu 95 aniversario.
Ambos recibiron o agarimo e o aplauso de todos os asistentes, nun xesto de gratitude pola súa traxectoria vital e pola súa contribución á comunidade.
A xornada desenvolveuse nun ambiente festivo e de fraternidade, reforzando os lazos entre veciñanza e poñendo en valor a importancia das persoas maiores na sociedade.
Desde a organización quixeron trasladar os seus parabéns aos homenaxeados, desexándolles moita saúde e agardando que este recoñecemento continúe entregándose durante moitos anos máis.


