
A Xunta de Galicia confirmou que executará a limpeza dos 10 quilómetros de vías solicitados polo Concello de Camariñas ao abeiro do convenio con SEAGA. Esta actuación centrarase prioritariamente nas zonas de máis difícil acceso para o tractor municipal, así como en camiños próximos a vivendas e accesos estratéxicos no monte que poidan funcionar como cortalumes.
Desde o goberno local sinalan a importancia desta intervención para mellorar a seguridade e a prevención de incendios, ao tempo que agardan que a administración autonómica leve a cabo os traballos ao longo deste mesmo ano.
Ademais, o Concello lembra que desde o pasado mes de decembro conta con persoal administrativo encargado da comunicación cos propietarios para garantir a limpeza das faixas secundarias, unha medida clave na xestión preventiva do territorio.
Por outra banda, tamén en Camariñas, a Xunta deu luz verde ás demandadas obras de rehabilitación do CEIP O Areal, unha actuación moi esperada pola comunidade educativa. Complementariamente, o Concello está a construír unha pista polideportiva no exterior do centro, que non só dará servizo ao alumnado, senón que tamén estará aberta ao uso da veciñanza en xeral.
Estas actuacións supoñen un paso adiante na mellora das infraestruturas e na seguridade do municipio.