
Cabana de Bergantiños reafirma o seu compromiso coa cultura coa inauguración da exposición “A etérea fraxilidade do ser humano”, unha proposta artística que convida á reflexión sobre a vulnerabilidade e o carácter efémero da existencia. A mostra pode visitarse xa no Centro de Interpretación do Dolmen de Dombate e permanecerá aberta ao público ata o vindeiro 18 de xullo.
A exposición reúne obras de destacadas creadoras e creadores como Milagros Cotelo, Cristina Castro, Isabel Soutullo, XMN (Maribel Castiñeira), Loli España, Jesús ArtÉxtasis e Mon Lendoiro. A través de diferentes disciplinas e estilos, os artistas exploran a delicadeza da condición humana, establecendo un diálogo profundo entre arte visual e emoción.
Un dos aspectos máis singulares da mostra é a súa conexión coa poesía contemporánea. As obras expostas interactúan coa palabra escrita de autores como Rosalía Fernández Rial, Modesto Fraga, Xaquín Silva e Pura Tejelo, enriquecendo a experiencia do visitante cunha dimensión literaria que amplifica o seu significado.
O acto de inauguración, celebrado esta mesma mañá, contou coa presenza do alcalde de Cabana de Bergantiños, José Muíño, quen destacou a importancia de iniciativas culturais deste tipo para dinamizar o municipio e achegar a arte á cidadanía. O evento estivo ademais acompañado pola actuación da soprano Susana de Lorenzo, que puxo a nota musical a unha xornada marcada pola sensibilidade artística.
Con esta proposta, Cabana de Bergantiños consolídase como un referente cultural na comarca, ofrecendo á veciñanza e ás persoas visitantes unha oportunidade única para achegarse á arte contemporánea nun enclave de grande valor histórico como é o Dolmen de Dombate.









