
.O equipo prebenxamín do CABANA SD proclamouse subcampión da Liga da Costa, culminando así unha tempada brillante marcada polo esforzo, a aprendizaxe e a ilusión dos máis novos do club.
Ao longo do curso, o conxunto cabanés destacou non só polos seus resultados deportivos, senón tamén polo seu compromiso e actitude sobre o terreo de xogo. Os xogadores demostraron un notable espírito de superación e un forte compañeirismo, valores que se fixeron visibles en cada adestramento e en cada partido disputado.
O equipo conseguiu consolidar un grupo unido, no que o colectivo primou sempre por riba das individualidades, converténdose nun exemplo de traballo en equipo e deportividade.
Este éxito é froito do talento dos xogadores, pero tamén da dedicación do corpo técnico, que soubo guiar e formar aos rapaces durante toda a tempada. Así mesmo, cómpre destacar o apoio constante das familias, cuxa implicación resultou fundamental no desenvolvemento do equipo.
O subcampionato supón un merecido recoñecemento ao traballo ben feito e deixa unha base sólida para o futuro do club.
.