Cartel de luxo para o regreso do Pint of Science: do 18 ao 20 de maio enchemos os bares de Carballo de ciencia!

Xa podemos contarvos quen son os investigadores e as investigadoras que protagonizarán Pint of Science 2026. Seis perfís de referencia que desvelan a potencia científica do noso concello, con traxectorias que abranguen desde o Hospital de Boston ata a xestión da ciberseguridade nacional.

O festival, que se celebrará os días 18, 19 e 20 de maio, volverá converter as tabernas en centros de debate.

Luns 18 – Bar Marabú

  • David Castro Reigía: Investigador en AOTECH e Premio extraordinario de fin de máster (UBU). Especialista en quimiometría, aplica a luz (espectroscopía NIR) para analizar alimentos sen tocalos. Na súa charla O que a luz conta do que non vemos, explicará como a espectroscopía permite saber de que está feito un alimento sen probalo, analizando a “pegada luminosa” do que bebemos e comemos.
  • Désirée Domínguez Pallas: Directora do Arquivo Histórico da USC. De historiadora da arte a experta en arquivos, hoxe lidera o debate sobre como a Intelixencia Artificial transformará a nosa memoria documental. Baixo o título Arquivos e arquiveir@s: que pintan na era da IA?, reflexionará sobre como os arquivos (con documentos desde o século IX) se adaptan á administración algorítmica e ás oportunidades da Intelixencia Artificial.

Martes 19 – Cafetaría do Pazo da Cultura

  • Alejandro Ávila Álvarez: Doutor Cum Laude e pediatra no CHUAC. Cunha traxectoria internacional (Boston, Melbourne), é un dos grandes investigadores galegos en neonatoloxía e complicacións na prematuridade. En Investigando o pulmón dos neonatos prematuros, falará sobre os retos para predecir a displasia broncopulmonar e a busca de respostas no ADN mitocondrial ou as proteínas do sangue.
  • Alba Vilariño Porteiro: Biotecnóloga e investigadora en CETIM. Especialista en biohidrometalurxia, lidera proxectos para recuperar metais críticos de residuos electrónicos usando microorganismos. En Unha mina no teu peto descubriranos que os nosos residuos electrónicos son auténticas “minas urbanas” e como as bacterias poden axudarnos a recuperar metais clave para a transición enerxética.

Mércores 20 – Bar Mercado

  • Olalla Rama García: Enxeñeira experta en ciberseguridade con acreditacións internacionais (CISM, CEH). Consultora en contornas críticas e defensora da sensibilización tecnolóxica dende a infancia. Coa charla Clics e claves: sobrevivindo ao día a día dixital ofrecerá consellos prácticos sobre phishing e contrasinais para protexer a nosa información de forma sinxela e efectiva.
  • Isabel García García: Doutora en Desenvolvemento Psicolóxico e Logopeda. Unha voz autorizada na investigación do Trastorno do Espectro Autista (TEA) e a inclusión educativa. En Non é só autismo, proporá unha mirada ampla sobre o TEA, abordando como a ciencia axuda ás familias a convivir coa incerteza e a comprender mellor esta realidade desde a infancia.

Detrás deste cartel atópase un grupo de carballeses e carballesas comprometidos coa divulgación: Iván Andrade Tasende, Verónica Bolón Canedo, Cristina Abelleira Martínez, Daniel Barreiro Quintáns e Jorge Cebey García.