O PSOE da Laracha reclámalle ao alcalde que leve “o non á planta de biogás que demanda a veciñanza” ante a conselleira 

O PSdeG-PSOE da Laracha reclámalle ao alcalde do municipio que transmita o rexeitamento ao proxecto de instalación dunha planta de biogás en Vista Alegre, Soandres, á Xunta de Galicia. 

“Ante o crecente rexeitamento veciñal á planta proxectada, dende o PSOE da Laracha esixímoslle ao alcalde a creación inmediata dunha comisión de traballo conxunta”, sinala a voceira socialista local Inés Ramos López. 

A portavoz explica que “esta comisión debe estar integrada por representantes da plataforma de persoas afectadas e asociacións veciñais, así como por representantes de todos os grupos políticos con representación municipal”. 

“O obxectivo é único e irrenunciable, manter unha xuntanza directa coa Conselleira de Medio Ambiente para trasladarlle, de primeira man, a oposición frontal do tecido social a esta instalación”, engade. 

Para a socialista, “o Goberno local non pode actuar de costas á veciñanza nun asunto de tanta transcendencia ambiental e social”, e pide facer fronte común neste cuestión. “Vista Alegre non é un caso illado, é un síntoma de como este Concello xestiona o territorio sen escoitar a quen o habita”, indica. 

“A comisión debe contar coa presenza das persoas afectadas directamente en Soandres e a contorna para que a súa voz non sexa filtrada nin distorsionada polo Goberno municipal”, salienta a voceira socialista. 

Reclama tamén interlocución directa coa Xunta, xa que “a Consellería de Medio Ambiente debe escoitar os argumentos técnicos e sociais dos veciños, e non só a versión oficial dun Concello que leva meses mirando para outro lado”. 

“O alcalde debe exercer o seu papel de representante da cidadanía e facilitar esta vía de diálogo institucional de forma inmediata”, subliña Ramos López. “O malestar veciñal non agarda, e tampouco nós”, conclúe.