Mazaricos vive hoxe unha falcatruada sanitaria ante un Goberno Local que se esconde mentres cobra por non facer nada

Mazaricos, 4 de maio de 2026. — O portavoz de Espazo Común Mazaricos, Javier González, compareceu hoxe ante os medios e a veciñanza na concentración celebrada diante do Centro de Saúde para denunciar o desmantelamento «por decreto» da sanidade no rural e, sobre todo, a «actitude covarde» dos representantes municipais.

​Unha «falcatruada» orquestrada dende Santiago

González cualificou de «falcatruada» a decisión da Xunta de Galicia de legalizar o peche dos centros os sábados e a redución de médicos. «Dinnos que é para garantir unha mellor asistencia, pero a realidade é que nos deixan sen médicos para aforrar cartos a costa da saúde dos nosos maiores. É un ataque directo á liña de flotación de Mazaricos», denunciou o portavoz.

​Onde está o Goberno Local? 6 concelleiros cobrando e ningún dando a cara.

​A crítica máis dura de Javier González foi dirixida á ausencia total dos membros do goberno local na protesta veciñal:

​»Hoxe Mazaricos está aquí, na rúa, defendendo o seu dereito a ter un médico. Pero miren arredor: onde está o Goberno Local? Onde están eses 6 concelleiros que cobran un soldo público todos os meses? É unha vergoña que, cando os veciños máis os necesitan, se escondan nos despachos para non molestar aos seus xefes políticos».

​Desde Espazo Común pregúntanse: A quen defenden realmente en Mazaricos? «Din defender o pobo, pero cando hai que mollar a camiseta e estar ao lado da xente que os puxo aí, desaparecen. Cobran por xestionar Mazaricos, pero hoxe demostraron que só lles interesa o cargo, non as cargas que sofren os veciños», sinalou González.

​Unha oposición (PP) desaparecida

​González tamén tivo palabras para o grupo popular na oposición: «Nin están, nin se lles espera. A súa submisión ao que se dita dende Santiago fainos cómplices desta situación. Mazaricos non ten un goberno que o defenda, nin unha oposición do PP que faga o seu traballo».

​Próximas accións

​Dende Espazo Común Mazaricos aseguran que esta concentración é só o comezo. «Non imos permitir que esta falcatruada se converta en costume. Se o goberno local non quere defender Mazaricos, farémolo nós xunto á veciñanza. Non imos parar ata recuperar oque nos quitaron por decreto».