
O Concello de Vimianzo felicitou publicamente ao Vimianzo Tenis de Mesa polo seu recente título de campión de liga, acadado tras unha tempada extraordinaria e unha competición de alto nivel disputada na cidade da Coruña.
O equipo vimiancés conseguiu impoñerse con autoridade nunha liga especialmente competitiva, culminando así un traballo constante baseado na disciplina, o esforzo e o compromiso de todos os seus integrantes.
Este éxito non sería posible sen a implicación conxunta dos deportistas, do corpo técnico e de todas as persoas que forman parte do club, cuxo labor diario foi clave para acadar este importante logro deportivo.
Desde o Concello destacan que este título enche de orgullo ao municipio e contribúe a consolidar o deporte vimiancés como un referente a nivel galego, poñendo en valor o talento e a dedicación dos seus clubs locais.
O Concello trasladou os seus parabéns ao equipo polo merecido título de campións de liga, recoñecendo o seu esforzo e desexándolles novos éxitos no futuro.