
A plataforma veciñal Adiante Santa Comba denunciou publicamente a decisión do Concello de Santa Comba de non celebrar este ano a tradicional festa dos maiores, unha cita que durante anos reuniu a centos de persoas da terceira idade do municipio.
Desde a plataforma consideran “incomprensible” que se elimine unha actividade social deste tipo mentres outros concellos da comarca, como Malpica de Bergantiños ou Ponteceso, continúan apostando por manter este tipo de encontros como homenaxe aos maiores.
Adiante Santa Comba critica ademais o que define como unha “falta total de prioridades” por parte do goberno local. Segundo denuncian, o executivo municipal continúa sen ofrecer solucións a problemas históricos do municipio, como o mal estado das pistas de concentración parcelaria ou as deficiencias no servizo de recollida de plásticos agrícolas, cuestións que afectan directamente ao sector gandeiro e ao rural xalleiro.
A plataforma tamén puxo o foco no gasto político do Concello, cuestionando o salario do alcalde e o elevado número de dedicacións exclusivas existentes no goberno municipal. Neste sentido, sinalan que a situación “non ten precedentes nun concello destas características” e consideran que os recursos públicos deberían destinarse a mellorar servizos e apoiar á veciñanza.
Desde Adiante Santa Comba lamentan que desaparezan tradicións sociais mentres, aseguran, “o Concello vive afastado das preocupacións reais dos veciños”. A entidade reclama máis transparencia, unha mellor xestión dos recursos municipais e unha maior atención ás necesidades das persoas maiores e do rural.
A polémica continúa aberta nun municipio onde medra o malestar dunha parte da cidadanía ante a falta de iniciativas e a ausencia de explicacións oficiais sobre a suspensión da festa dos maiores.